Como non hai mellor forma de entender a historia que vivíndoa, ATEGAL Santiago levou a cabo unha ruta polo Casco Histórico de Santiago para analizar a pegada que a historia nos legou a través das súas rúas.
A actividade englóbase no proxecto da asociación Nin idadismo nin fenda dixital. Tips de historia. A través da elaboración de vídeos curtos, Ategal comparte coñecementos de historia – dende o paleolítico ata a Idade Media, con especial incidencia no tema da Catedral e o Camiño de Santiago – nunha linguaxe atractiva para as novas xeracións; servíndose da tecnoloxía como aliada. Victoria Tizón, profesora xubilada e profesora voluntaria de historia e historia da arte nas Aulas de Santiago, foi a encargada tanto dos vídeos como da ruta.
A ruta iniciouse na Rúa do Castro, onde Victoria Tizón explicou a forma de vida dos castrexos. Ademais dos comentarios da guía, os asistentes contaron con códigos QR a través dos cales acceder ao resto de contidos audiovisuais. Na seguinte parada, a Praza de Mazarelos, falaron dos distintos camiños de Santiago para continuar coa Catedral e os anos Xacobeos á altura da Porta Santa. Remata a visita na Fonte do Franco, entorno a cal existe unha lenda sobre a chegada do corpo do Apóstolo a Santiago. Todos os contidos elaborados pola profesora Tizón – tanto os vistos durante o paseo como os relativos a outros momentos históricos– pódense consultar na páxina da asociación.
Nin idadismo nin fenda dixital. Tips de historia busca poñer en valor o talento senior que hai en Galicia ao tempo que impulsa as relacións interxeracionais. Conséguese así poñer o foco nos estereotipos de idade, tan necesario na loita contra o idadismo.