Vivimos na actualidade nunha sociedade tinguida de estereotipos que incumben ás diferentes xeracións que a forman. O feito de establecer relacións interxeracionais, é dicir, formar relacións entre persoas de distintos grupos de idade mediante conversacións, actividades ou vivencias, pode supoñer melloras no camiño de alcanzar unha nova visión dos diferentes grupos. As persoas que os forman poden reducir a discriminación cara á vellez, fomentar o compartir valores da infancia e a solidariedade entre as xeracións.
Respecto a este último termo, acuñado na Segunda Asemblea Mundial sobre o Envellecemento celebrada en Madrid no ano 2002, defínese a solidariedade entre xeracións a todos os niveis (familiar, comunitario e nacional) como fundamental para o logro dunha sociedade para todas as idades (Nacións Unidas, 2002). De aí a importancia de favorecer iniciativas que sensibilicen socialmente sobre o potencial das persoas mozas e maiores, de axuntar talento junior e sénior para crear a pegada xeracional nas organizacións ( Cambero, 2018).
A forma máis adecuada de fomentar esta solidariedade son os programas interxeracionais. Segundo o Centro do Coñecemento de Fundación EDE (2015), estes programas posibilitan experiencias de relación e cooperación entre persoas de diferentes idades, orientadas a favorecer a transmisión e intercambio de coñecemento, valores e competencias, contribuíndo así á cohesión e desenvolvemento comunitarios.
O proxecto “AchegadXs” é un exemplo. É levado a cabo por alumnas do Máster en Psicogerontología da USC e, dada a situación na que nos atopamos debido ao COVID-19, empréganse dúas redes sociais, Instagram (@achegadxs) e Tik- tok (@achegadxs). O proxecto vira entorno a tres temáticas (estereotipos, soidade e “cambio de póla”) tratadas ao longo das súas tres semanas de duración, por medio de diferentes posts, enquisas e vídeos. Conta coa participación de alumnado de 2º grao de Psicoloxía da USC, alumnado de 4º ciclo da USC, usuarios do noso centro ATEGAL e co proxecto de Innovación Social Interxeracional VULNERABLES.