As Aulas Senior de Galicia (ATEGAL) celebran unha nova edición das Xornadas Interxeracionais de Ourense. Un evento co que potenciar a interacción entre persoas de distintas xeracións a través do intercambio de experiencias de ocio, na procura dun aprendizaxe cooperativo que rompa cos estereotipos de idade. Para a organización da actividade, que se estende durante toda a xornada de hoxe no campus universitario, contan coa colaboración do alumnado de Educación Social e Traballo Social coa participación de usuarios da residencia DomusVi, Down Ourense, ADO e alumnado de diferentes ciclos do CIFP Portovello.
As xornadas comezaron na Praza Maior coa lectura do Manifesto en favor das relacións interxeracionais, redactado por alumnado de Educación Social. A continuación, os mozos e mozas da universidade ensinaron aos participantes os xogos da súa infancia. Pola tarde, tras a comida campestre celebrada no campus, tócalles a quenda ao alumnado de ATEGAL de converterse en monitores, dando a coñecer os xogos tradicionais dos anos 50, 60 e 70.
A actividade reúne en Ourense a persoas de distintas idades para compartir experiencias vitais, recuperar xogos tradicionais da cultura galega e crear lazos interpersoais que demostran que as distintas xeracións teñen moito en común. Así mesmo, o proxecto contribúe á integración da universidade na vida social ourensá.
Coa organización de xornadas como esta, ATEGAL busca favorecer o papel activo dos maiores na nosa sociedade. Obténse unha maior visibilidade ao talento e as aportacións en coñecementos e experiencia que ofrece este colectivo, e que en moitas ocasións son pasadas por alto. Conseguen así un grande beneficio para as persoas maiores, que gañan en autoestima e sentimentos de positividade así como na evasión do illamento e a soidade non desexada. Pola súa banda, os mozos conseguen un aprendizaxe de alto interese así como un maior desenvolvemento de valores sociais como a solidariedade e a tolerancia.