O Encontro Solidario de Corais acadou este mércores a súa IV edición en Santiago de Compostela. No Auditorio Abanca da capital galega déronse cita esta tarde preto de 600 persoas, a meirande parte delas maiores de 55 anos, para escoitar unha selección musical a cargo das corais de La Salle, Vedra, da Escola de Música Allegro e das propias Aulas de Santiago.
En palabras de Paula Sande, directora de ATEGAL, “fomentando actividades como esta contribuímos a configurar unha axenda de ocio e lecer orientada principalmente aos nosos maiores”. Neste caso, “apostamos por poñerlle banda sonora ao envellecemento activo” cun encontro “cuxa recadación se destinará á Cociña Económica de Santiago de Compostela”.
Sobre ATEGAL
ATEGAL é unha asociación sen ánimo de lucro fundada en 1978 e colaboradora da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social. Por iso, o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria do Goberno galego, Antonio Acevedo Prado, asistiu ao acto.
Con sedes en Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense e Vigo e centros vinculados aos concellos de Lalín e Padrón, ATEGAL leva a cabo ao longo do ano ducias de actividades formativas, informativas, deportivas, lúdicas e outras vinculadas co emprendemento ou o coidado da saúde, por exemplo, para os maiores galegos. Faino fundamentalmente baixo dúas canles de actuación: o programa Aulas Sénior e o programa Actitude + 55.
Actividades realizadas por ATEGAL en Santiago en 2024
Neste sentido, só en Santiago de Compostela “desde ATEGAL promovemos 87 actividades diferentes en 2024”, destacou Sande. Entre elas, salientan as orientadas ao encontro interxeneracional, un cineforum, diferentes charlas e obradoiros artísticos e creativos e outras ligadas con formación en tecnoloxía. Ademais, leváronse a cabo actividades de promoción do benestar físico e emocional.
Tras o encontro de corais que se celebrou esta tarde por cuarto ano consecutivo, os asistentes foron convidados a unha chocolatada nas instalacións da Praza de Abastos de Santiago.