As Aulas Sénior de Galicia poñen o foco neste Día Internacional das Persoas Maiores. Este 1 de outubro é un día especial, no que cabe a celebración e tamén a reivindicación.
Todas as aulas organizaron durante esta semana numerosas actividades para mostrar que a idade non é un límite. A curiosidade, as ganas de aprender e a enerxía para seguir facendo cousas non teñen por que terminar.
As Aulas de Ourense gozaron dunha excursión á vila romana Aquis Querquennis para coñecer máis a fondo o patrimonio da provincia. En Vigo pasaron o día entre as obras de arte da Pinacoteca, para ampliar os seus horizontes culturais.
Aínda que tamén é necesario reivindicar o papel dos maiores nesta sociedade. ATEGAL forma parte do movemento internacional #StopEdadismo, e traballa a diario para desmontar todos os prexuízos que existen ao redor da idade.
Por iso, compartimos a mensaxe de tantas outras entidades que animan a ter en conta a voz dos máis maiores. Non son unha parte pasiva das nosas comunidades, en realidade son quen de ocupar un papel relevante e necesario nelas.
A cohesión entre veciños e veciñas será necesaria para afrontar algúns dos retos presentes e futuros. E así o demostraron as Aulas Sénior de Santiago de Compostela, que reuniron a mozas e maiores nunha actividade ao aire libre para exemplificar os beneficios de traballar unidos.
Con motivo deste 1 de outubro, uníronse nun parque para, literalmente, crear algo belo. Gozaron dunha actividade interxeracional de pintura ao aire libre que demostrou como poden gozar xuntos e canto poden achegar os uns aos outros.
Neste 1 de outubro, convidamos a todo o mundo a revisar os prexuízos edadistas que aínda quedan, e a coñecernos máis para dar máis vida á vida.