Case 200 alumnos de toda Galicia peregrinaron ata Santiago de Compostela para dar a benvida a un esperado novo curso. As Aulas Sénior abriron o seu curso oficialmente cun multitudinario acto no Hostal dos Reis Católicos.
Un evento no que os asistentes gozaron dunha saborosa experiencia gastronómica, unha ofrenda organizada por ATEGAL na mesma capela do lugar e, posteriormente, unha visita cultural por toda a cidade.
Este emotivo encontro non llo quixo perder ninguén e, de feito, a inauguración contou coa especial presenza de figuras tan próximas como Antón Acevedo, director xeral de Atención Integral Sociosanitaria en representación da Xunta, o propio alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Manuel Bugallo, a concelleira de Política Social da cidade Mila Castro ou o rexedor de Padrón, Antonio Fernández Angueira. Tamén acudiron moitos dos aliados sen os cales ATEGAL non podería chegar ata onde chega, como representantes de CaixaBank.
Sen dúbida, foi un deses momentos tan familiares dos que marcan a historia das Aulas. De feito, aproveitamos para facer un repaso de todo o que crecemos, pero tamén do que nos queda por facer. Presentamos algunhas das novidades, como a app que ATEGAL estreou para facilitar aos maiores de Galicia o manexo de caixeiros automáticos, o que complementará unha formación presencial por todo o territorio.
Vernos, compartir e gozar foi, por suposto, o mellor deste encontro.