Que se termine o verán e as vacacións non supón ningún drama cando o que te espera é mellor. Por iso, ATEGAL abriu de novo as súas portas cunha longa lista de novidades. Así, todos os usuarios e usuarias atoparanse con motivacións extra para volver reencontrarse.
Empeza así un curso no que todas as aulas incorporan máis actividades ao calendario. Clases que van desde a danza clásica ata cerámica e bordado, rondallas, teatro ou xadrez. Todas as cidades nas que está presente ATEGAL ofrecen novidades para o seu alumnado.
Aínda que, por suposto, a familia ATEGAL sempre está aberta a todas as persoas. As aulas non deixan de crecer, e este ano xa abriron o prazo de inscricións. Polo que todas as persoas que queiran dar máis vida á súa vida serán máis que benvidas.
O curso pasado xa supuxo un gran paso para as Aulas Sénior de Galicia, cunha nova sede en Lalín. Pero este ano, non só aumentará o número de actividades. Seguimos traballando por e para as persoas, polo que ofreceremos tamén formacións tan importantes no día a día como o manexo dos caixeiros automáticos. Un proxecto financiado pola Xunta de Galicia e que xa está dispoñible na propia páxina web de ATEGAL ou en forma de app para móbiles Android. De feito, o noso equipo está dispoñible para impartir estas formacións en calquera punto de Galicia, xa sexa para asociacións ou administracións.
Tamén seguiremos colaborando con outras entidades para alcanzar logros como a nova Cátedra de Idadismo que acaba de inaugurar a Universidade de Vigo. De feito, a nosa compañeira Montse estivo en Finlandia como membro dunha delegación do Clúster de Saúde de Galicia aprendendo sobre “living labs”, unha información que pronto traerá noticias.
E, por suposto, xa estamos a preparar as saídas culturais, excursións e viaxes que tanto gustan.
Así que, se aínda non formas parte desta gran familia, non o dubides e contacta con calquera das nosas coordinadoras ou inscríbete a través da nosa páxina web.