A pandemia freou en seco o mundo. Esixiunos que tomásemos distancia, que ocultásemos sorrisos, que desconectásemos do mundo real. Pero todo isto non fixo máis que animarnos a estar unidos, a cooperar e a traballar de xeito conxunto.
Con ese espírito, as nosas aulas de Ourense retomaron as xa míticas Xornadas Interxeracionais da man do grao de Educación Social da Universidade de Vigo. Un encontro que nesta ocasión celebrou a súa XIX edición e que conseguiu reunir a máis dun centenar de persoas.
Un exemplo do que conseguimos cando traballamos xuntos. Persoas de todas as idades encheron a cidade de risas, celebracións e, tamén, reivindicacións. Porque se algo demostra esta simbiose entre estudantes de todas as idades é que non hai barreiras para colaborar. É hora de terminar co edadismo que separa ás xeracións baseándose en prexuízos e estereotipos.
Oxalá todos os días foran coma estas marabillosas xornadas!
Prensa
Este marabilloso encontro chamou tamén a atención dos nosos amigos de La Región. A xornalista María Salgado involucrouse nas nosas dinámicas e estivo presente na lectura do manifesto. Froito diso, toda a cidade de Ourense puido ler esta noticia publicada tanto na súa web como en papel.