Majo Fares
Psicóloga experta en ATEGAL
O calendario é unha ferramenta ideal para organizarnos, para planificar a vida e a súa continxencia diaria ademais de “un modo práctico de medir o tempo”.
Os propósitos de aninovo son un reinicio. Seguramente, a maioría de nós empezamos o ano con sensacións diversas, con medos e, por que non, triunfantes polo conseguido. Todos e todas facemos balance.
O 2021 non foi un ano típico, senón todo o contrario e é moi probable que empregásemos moita da nosa enerxía en sobrevivir e coidar aos nosos, ou procurando non ser danados con tanta desgraza, dificultades, ser quen de adaptarnos aos constantes cambios e á incerteza destes tempos.
Como afrontar este ano?
En ATEGAL con moitas ganas, xa o sabedes, que por nós non sexa, con ganas de xuntarnos, de vernos, de tocarnos, de saír de viaxe, de rirnos, de aprender,…
E de coidarnos entre todos/as e de “autocoidarnos máis”, queremos cumprir metas no camiño de coidarnos, tanto emocionalmente como fisicamente.
Propuxémonos realizar accións encamiñadas a estar a gusto, experimentando e gozando de nós mesmos e se se pode dos demais e da natureza.
Baños de bosque, alimentación saudable e con produto de proximidade, charlas-faladoiros, cultivar dotes artísticos e aprender.
Cales son os vosos?
Ser constante con o exercicio físico, ler máis, pasar máis tempo en familia. Probablemente son os propósitos máis comúns que ano tras ano asoman na nosa mente, e que teñen máis de lista de deberes que de desexos ou praceres. Por iso, queremos falarvos dun novo concepto: o Light January, unha tendencia que pretende poñer o acento en ti no 2022, un ano no que, por un mero sentido de xustiza poética, todos deberiamos de ser capaces de gozar, relaxarnos e sorrir.
Light January é a tendencia que quere animarnos a comprometernos con propósitos razoables, asumibles e mesmo, en certa medida, flexibles. Poderiamos dicir que o que busca é poñer os teus obxectivos ao teu servizo en lugar de que sexa ao contrario, que é como adoitamos afrontar normalmente os propósitos de Aninovo.
Baixo unha filosofía menos estrita, con base en dietas coercitivas e rutinas nas que a presión prima sobre o goce, é máis fácil que alcancemos aquilo que nos propoñemos en lugar de abandonar a meta a metade de camiño.
E como se traduce isto á hora de aplicalo no noso día a día?
Pois é cuestión de pensar en gozar dos plans en lugar de limitarnos só a cumprir con eles. Ler polo pracer de ler en lugar de encher a lista de títulos lidos, facer deporte cando o noso corpo (e mente) realmente acompáñenos a iso e ser flexibles nos obxectivos, pasar máis tempo (social) cos compañeiros de traballo en lugar de querer ser máis produtivos, e empezar xa a alongar as sobremesas en familia e non trazar complicados plans.
Pois iso, “imos indo”, como ben sabemos, pero sen perder o noso obxectivo “o autocoidado”. E ti tamén?