O Concello de Lalín e ATEGAL consolidan unha estreita relación en beneficio da poboación maior. Este ano ambas as institucións crearon unha alianza co obxectivo de converter a cidade nun mellor espazo no que envellecer.
Actualmente, as Aulas estamos a desenvolver un taller de alfabetización dixital para mellorar a relación dos maiores coa súa contorna: coa administración, a mobilidade, o consumo, outras xeracións.
A esta actividade, súmase o obradoiro que se celebrará o vindeiro luns 15 de novembro. Froito das investigacións do Dr. Javier Yanguas, organizamos un espazo para traballar os retos sociais e emocionais da madurez.
Esa mesma semana, o día 17, este km 0 de Galicia converterase no espazo ideal para o primeiro encontro anual post pandemia de todas as Aulas Sénior de Galicia. Os alumnos e alumnas das nosas sedes reuniranse para escoitar ao propio Yanguas, Director científico do Programa de Maiores da Fundación ‘la Caixa’. Despois gozarán dunha actuación, unha comida e unha visita cultural por Lalín.
As Aulas seguen traballando por un mellor envellecemento en Galicia. Para iso, resulta esencial crear alianzas como esta con o Concello de Lalín ou a Xunta de Galicia. Pero tamén é imprescindible contar co apoio de entidades como a Fundación ‘la Caixa’, que financia o proxecto Aulas +Social co que seguimos analizando e comprendendo as necesidades da sociedade galega.