Celebramos o noso primeiro encontro anual post pandemia. Un evento tan emocionante que reuniu a máis de 100 dos nosos alumnos e alumnas no km 0 de Galicia.
O acto foi presentado polo noso presidente Ángel Fagilde, que deixou claro: “Este encontro de hoxe é o exemplo perfecto da vida que hai en Galicia. Porque cando nos xubilamos, facémolo do traballo pero nunca da vida”.
Ademais, participaron autoridades como a Tenente de alcalde de Lalín Paz Pérez Asorey e o Director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade Fernando González Abeijón, quen puxo en valor o traballo da nosa asociación: ” ATEGAL é sinónimo de bo facer e de compromiso, por iso a Xunta reafirma a súa confianza neste proxecto cada ano. Polo ben de Galicia e da poboación galega”. Así o fixo tamén o goberno local cunha das mellores noticias que podiamos recibir: Lalín contará cunha aula de ATEGAL para o ano 2022!
Este encontro contou, ademais, co relatorio do doutor Javier Yanguas, Director científico del Programa de Mayores de la Fundación ‘la Caixa’. Nela, presentouse o seu último libro “Pasos hacia una nueva vejez“, no que se plasman as súas investigacións sobre os novos modelos de envellecemento e os retos sociais e emocionais da actualidade. “Esta publicación nace da pandemia, de ter tempo para reflexionar e pararnos a pensar cara a onde imos”, asegura o autor.
Todos os asistentes, procedentes de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Ourense, gozamos tamén da actuación dos lalinenses Celso Fernández Sanmartín e Benxamín Otero. Despois, degustamos o tradicional cocido local e percorremos Lalín cunha visita cultural.
Este encontro anual celébrase no km 0 de Galicia polo significativo do escenario, pero tamén pola estreita relación que se xerou entre ATEGAL e o Concello de Lalín. E que se viu reflectido en distintas actividades como un curso de alfabetización dixital ou un taller de envellecemento baseado no propio libro de Yanguas. Unha alianza que se reforzará a partir deste ano.