Majo Fares. Consultora experta en ATEGAL
Que ganas temos todos e todas! É extraordinario o que estamos a vivir estes días dende que abrimos as nosas portas: recibimos correos, WhatsApp, visitas de socios e socias, chamadas e sobre todo, veñen visitar persoas que nos acaban de coñecer e que nos contan que están xubilados e xubiladas recentemente e que o tempo se detivo para eles e elas. Cóntannos que necesitan relacións sociais, espazos de participación e para compartir, que teñen moito que achegar e que aprender. Un gran exemplo dende logo.
En todas as sedes de ATEGAL sucede o mesmo, estamos impacientes e as persoas maiores tamén, reivindican recuperar o seu lugar na comunidade, pois por todas e todos é ben sabido que a pandemia arrebatoulles moito.
Gústanos pensar que as persoas maiores son axentes de desenvolvemento local, social e familiar, tanto polo que poden achegar como polo que significa conquistar novas etapas do ciclo vital na nosa sociedade. Sen dúbida, supón un éxito sen precedentes e ao cal debemos dar resposta.
Non podemos estar máis ilusionados e ilusionadas, esperamos ser quen de outorgar protagonismo a todas as voces que estamos a escoitar e que nos piden que os acompañemos, e que entre todos e todas ocupemos un lugar digno onde compartamos e crezamos como sociedade.
A nosa oferta de actividades seguirá virando ao redor dos intereses das persoas maiores e para iso estivemos falando con todas e todos. Por isto, a tecnoloxía útil, o intercambio interxeracional, a aprendizaxe permanente ao longo da vida, as persoas e o ben común seguirán sendo os piares de ATEGAL.
Esperámosvos a todos e todas, coa mente aberta e as nosas sedes preparadas e seguras para seguir creando espazos onde aprender e gozar. As Aulas teñen para ti toda unha oferta cultural, de lecer e formación nun espazo onde conectar con persoas e coas túas paixóns, ademais dunha plataforma en liña para facelo dende a túa propia casa. Unha nova etapa para vivila dunha nova forma.
Setembro, 2021
*ATEGAL informa de que xa están abertas as listas de matriculación para todas as sedes