ATEGAL di stop ao edadismo
Nin as persoas maiores son todas fráxiles, nin os nenos e nenas son choromicas. As persoas son todas diferentes, e a súa idade é só unha parte máis da identidade, e non a máis definitoria. Este tipo de mensaxes son os que queremos transmitir entidades como as Aulas Sénior de Galicia, que este 15 de xuño reivindicamos o Día de Concienciación da Violencia contra as Persoas Maiores.
Esta iniciativa englóbase dentro do movemento #StopIdadismo, integrado por entidades de toda Iberoamérica. Para conmemorar este día, todas elas puxemos en marcha multitude de accións cargadas de reivindicacións. E así o fixemos tamén en Galicia, unha rexión caracterizada pola súa lonxevidade e onde as persoas maiores teñen aínda moito que dicir.
E é que os prexuízos relacionados coa idade afectan a todas as xeracións. Así o demostra o noso grupo de voluntarios sénior, que gravaron un vídeo para representar con humor situacións do día a día. Elas mesmas son o exemplo perfecto de que ningún deses prexuízos ao redor da idade son reais. Nin teñen medo ás tecnoloxías, nin deixaron de divertirse, nin están impedidos para facer cousas.
Esas ideas preconcibidas son as que limitan a vida das persoas. De feito, non foi ata 2011 que a ONU recoñeceu o 15 de xuño como Día Mundial, unha proposta que a Rede Internacional para a Prevención dos Malos tratos das Persoas Maiores ( INPEA) levaba demandando desde 2006. Estas iniciativas demostran que queda moito para alcanzar unha sociedade na que os anos non representen máis que calquera outro dos atributos que caracterizan a cada persoa. E precisamente, a pandemia do coronavirus deixou ver como esta visión afectou a todas as xeracións. Os máis novos foron culpabilizados e acusados de irresponsables, e os máis maiores víronse privados de autonomía e capacidade de decisión.
Un traballo constante.
As propias Aulas Sénior de Galicia xa advertimos de que se lles estaba infantilizando e non se estaba prestando suficiente atención ás súas reclamacións, xa non tanto sanitarias como persoais. E por iso colaboramos coa Xunta de Galicia na posta en marcha do teléfono solidario que permitiu escoitar as necesidades dos galegos e galegas, entre eles as persoas maiores que se enfrontaban á soidade ou desconexión. Nesa liña, o vídeo supón un exemplo máis de colaboración entre o goberno galego e nós. Co grupo de voluntariado sénior, promovido polo proxecto Aulas +Social da Fundación ‘la Caixa’, ATEGAL pretende fomentar a participación das persoas maiores para crear conexións entre xeracións e contribuír a unha sociedade máis cohesionada.