O martes 11 de maio reunímonos varias xeracións para falar sobre temas relacionados coa vida, a educación, a familia, valores. Aproveitamos a ocasión, dado que temos alumnado en prácticas da USC (Máster de Formación e Máster de Psicogerontología) e do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Parecíanos o momento oportuno para escoitarnos e compartir reflexións.
Entre as conclusións xerais recollidas polas nosas alumnas:
1. Sobre os nosos pais e nais. Como describirías a forma de educar dos teus pais e familia?
Tanto as persoas maiores como as máis novas afirman que os seus pais educáronlles tendo como base o respecto polos demais, a humildade cun mesmo e coa vida, con moito amor e agarimo. As xeracións máis maiores fan referencia a esa convivencia cos avós/as e que tamén recaía sobre eles o peso da súa educación, facilitando así que os nenos/as tivesen a experiencia de relacionarse con persoas maiores desde pequenos, algo que actualmente non é tan habitual.
Fálase desa educación compartida cos veciños/as da aldea, creándose unha rede de contacto máis ampla, próxima e nunha contorna máis natural. En varias ocasións sae o concepto de “educación tradicional”. Unha educación formal, tradicional, centrada nos valores do momento, con prioridade de que os fillos estudases e puidesen alcanzar as súas metas. Aínda que se falase dunha educación tradicional, comentouse que os pais/nais adaptábanse e evolucionaban á vez que crecían e avanzaban os nenos/as e os tempos. Deste avance sae que, aínda que mozos e maiores falan de educación tradicional, esta ten pequenos matices que a diferencian. Menciónanse outros valores como o compartir, non ser persoas egoístas e a empatía.
Como describirías a personalidade do teu pai e da túa nai? Ambos os grupos de idade desfanse en afagos para as que son as súas figuras de referencia. As persoas maiores ao falar dos seus pais/nais fano cunha tinguidura nostálxica e con moito amor. Unha pregunta cuxas respostas mostran a importancia e o impacto que teñen os pais nas persoas nas que nos convertemos.
En que medida séntesche identificado? Nos dous grupos de idade faise a reflexión de que se parecen tanto aos seus pais como ás súas nais, sacaron un pouco de cada un. Parecémonos naquilo que queremos imitar, nas calidades boas que vemos neles. A pais e nais descríbeselles, en liñas xerais, como traballadores, independentes, respectuosos, cariñosos e responsables. Algúns dos maiores din frases moi interesantes como: “Oxalá facelo a metade de ben que eles”, “quero parecerme a eles e sen xulgar sempre”
2. Sobre ti.
Que é o que máis che motiva? Na maior parte dos casos a motivación vén de poder compartir tempo coa xente que queren e de conseguir metas persoais. Algúns dos exemplos son: manterse activa (coméntase que acudir a ATEGAL é unha motivación para elas), saír a camiñar pronto polas mañás, ver á familia unida, terminar os estudos e converterse en grandes profesionais… Nas respostas a esta pregunta non se aprecia grandes diferenzas nas motivacións de mozas e maiores, indicador quizais do momento vital que están a vivir cada xeración.
De que che sentes agradecido/a? Pódese afirmar que a maior parte dos asistentes senten agradecidos pola súa familia e amigos. Fálase de agradecemento por nacer no tempo que lle tocou vivir, con todas as liberdades que lle dan a actualidade.
Se puideses ter un superpoder, cal sería? As xeracións maiores optan por superpoderes máis relacionados coa realidade e con beneficio nos demais: sensatez para todo o mundo, quitar a maldade, persoas máis responsables, terminar coas desigualdades mundiais (fame, pobreza…). Mentres que as xeracións máis novas optan por opcións un pouco máis fantasiosas e centrados neles mesmos, por exemplo: teletransporte, control do tempo, telequinesis ou ser invisible.
3.Sobre a mocidade e as persoas maiores.
Que cousas crees que os maiores non entenden dos mozos? Se as hai… e viceversa. Por parte dos adultos maiores critícase a cultura da inmediatez, consideran que agora se premia o que se consegue rápido, sen ter en conta nada máis, antes ensinábase e valorábase o esforzo. Os mozos cren que ás persoas maiores non entenden o facerse tatuaxes e piercings, determinados aspectos das novas tecnoloxías, o amor romántico de agora, o vocabulario e os insultos, groserías… Pero desta pregunta sácase unha conclusión xeral, ambos os grupos teñen moito que achegar e aprender uns doutros.