Ola, son Paula Sande directora de ATEGAL e hoxe quero compartir con todos vós unha reflexión acerca da idade, a xubilación e a situación actual que está a vivir a nosa sociedade.
Teño na mesilla de noite o libro de Antonio Hortas e Iñaki Ortega La revolución de las canas. Téñoo como cabeceira, para consultar, reler, afianzar conceptos e, sobre todo, reflexionar. Ao seu lado, un imprescindible nestes tempos, Bailar con la soledad, esa peculiar compañeira de viaxe de José María Rodríguez Olaizola, SJ.
Hai pouco funme a durmir con esas lecturas en mente e esperteime coa prensa diaria. A actualidade fálanos do novo presidente dos EEUU, Joe Biden. A súa carreira ao mandato parece ser unha loita contra a vida, un intento continuo por demostrar que non é tan maior.
Lémbrame ao que se dicía de Fraga cando se presentou á súa última lexislatura. O recentemente investido aparecía correndo en todos os seus mitins. Pregúntome, mesmo, se usarían Photoshop para disimular as seus engurras nos carteis. Todo isto fronte a un opositor que fixo campaña acusando a idade do demócrata. E iso que só hai uns poucos anos de diferenza.
“A única forma de chegar a vello é cumprir anos” Cicerón
E é que o goberno da nación máis poderosa do mundo disputárono dous septuaxenarios. Pero calma, que a nova administración vai contar con Kamala Harris para conectar cos mozos. Unha muller de 56 anos. Calquera deles, aquí mesmo poderían estar xubilados ou prexubilados. A ver se vai resultar que a idade é unha virtude.
Sigo lendo a prensa e atópome cunha noticia sobre coronavirus, España parece avanzar coa súa vacina. Canto se falou sobre persoas maiores desde que a pandemia chegou, e agora resulta que quen está liderando este éxito ten 76 anos. Mariano Esteban dirixe un grupo de 11 persoas e está xubilado. Xubilado de que, pregúntome. Da vida, do coñecemento, do compromiso?
Por que falamos de talento sénior e logo dubidamos da capacidade das persoas tan só pola súa idade? Non, non estou en contra da xubilación, nin dunhas pensións dignas, merecidos descansos, nin en contra do benestar das persoas. Estou a favor da pluralidade do colectivo dos maiores, de que ese benestar para un poida estar na súa paixón, o seu traballo, na entrega aos demais.
É evidente que hai quen non pode nin debe traballar nunca, independentemente da súa idade, pero tamén os hai que non poden xubilarse nunca. Por iso, non podo evitar molestarme cando se ofrece unha visión paternalista e condescendiente sobre a idade. Como fago habitualmente, volvo ás miñas lecturas de cabeceira cando me atopo ante unha reflexión acerca da idade.
“En moi pouco tempo o 40% da poboación terá máis de 55 anos e dispoñerá de todas as ferramentas, ademais da experiencia vital para seguir achegando e xerando valor” Antonio Hortas e Iñaki Ortega
Claro, iso será se lles deixamos como sociedade. Imos prescindir de preto da metade da nosa poboación? En fin, seguirei traballando para que non sexa así. E dígome a min mesma que as claves do éxito son a prudencia e a sabedoría, que case sempre están nas mans das persoas máis maiores.