Estamos ante un cambio onde se desdebuxan os límites da idade cronolóxica, e o que prima é o estilo de vida. Trátase dun fenómeno poboacional que está a cambiar as estruturas demográficas europeas, é dicir, a denominada “Revolución da lonxevidade”. Todo un triunfo da sociedade do benestar con ampla repercusión social, económica e cultural.
Unha revolución silenciosa que demanda cambios importantes na sociedade respecto aos retos que supón vivir máis e vivir mellor. Así como, un profundo cambio do modo de entender a formación e sobre todo o proceso de aprendizaxe permanente.
A transición á xubilación é cada vez máis difusa. Está a ser percibida como un tempo privilexiado para unha renovación persoal, para o lecer e a satisfacción vital. Desde Ategal debémonos adaptar a eses cambios sociais e culturais inherentes a este fenómeno.
Deste xeito, as vidas serán máis variadas e dinámicas e o cumprir anos será un reto e unha oportunidade. Por iso, nacen as Aulas Senior, onde ofrecemos un modelo máis corresponsable, eficaz e participativo con talleres para adultos maiores que promovan a prevención da dependencia e promoción da autonomía.
Sempre baixo unha oferta de actividades de calidade coas que as persoas maiores poidan alcanzar o benestar físico, social e mental, partindo dunha atención personalizada, integral e continua.
O FIN ÚLTIMO DA ESTIMULACIÓN COGNITIVA É COIDAR DA SAÚDE PSÍQUICA E FÍSICA PARA GARANTIR CUMPRIR ANOS CON ÉXITO, FAVORECENDO A AUTONOMÍA PERSOAL
O que non se estimula, acaba deteriorado. As actividades de estimulación cognitiva ou talleres de memoria (así chamados popularmente) demostraron que os instrumentos de estimulación cognitiva permiten activar e fortalecer capacidades cognitivas fundamentais mediante a plasticidade cerebral.
Ao exercitar o cerebro estimulamos determinados patróns de activación neuronal, para axudar a:
- Mellorar a conectividade do cerebro
- Fomentar a creación de novas sinapsis
- Favorecer circuítos neuronais capaces de recuperar e reorganizar nosas principais funcións cognitivas.
É necesario continuar traballando na promoción dun envellecemento activo e saudable, como aposta por unha sociedade que escoita, acompaña, apoia e coida ás persoas maiores.
É por isto, que propoñemos este tipo de actividades ben sexan en formato presencial como en dixital e así proporcionar distintas ferramentas que nos preparan para estes anos de vida. Así, desde fai tres anos tamén ofertamos NeuronUP, unha plataforma de estimulación cognitiva dixital.
LÍDER EN REHABILITACIÓN COGNITIVA PROFESIONAL CON MÁIS DE 6.000 ACTIVIDADES DE ADESTRAMENTO CEREBRAL BASEADAS EN ACTIVIDADES DA VIDA DIARIA
Trátase dunha precisa ferramenta de adestramento cerebral con actividades de estimulación cognitiva a través do computador, tableta ou papel, que permite realizar unha intervención intensiva e personalizada.
Cada actividade está nivelada seguindo parámetros técnicos que permiten ao terapeuta adaptar o adestramento segundo as necesidades e características da persoa usuaria. Así como gardar e monitorar os resultados das sesións a través dun xestor de usuarios.
Converteuse nun recurso de gran valor para os especialistas nos procesos de neurorrehabilitación e tratamento dos déficits cognitivos funcionais.
Se che resultou interesante esta entrada sobre a importancia da estimulación cognitiva, poida que tamén esteas interesado nas demais actividades que se desenvolven nas Aulas Senior de Ategal. ¡Contáctanos!