(Víctor Sariego, 8/06/2019).- Ategal Padrón celebrou o 7 de xuño, unha morea de actividades co galo de fin de curso das aulas senior. A xornada contou cunha misa de fin de curso na igrexa parroquial de Padrón e un amplo programa de actividades no auditorio municipal.
Entre elas, a inauguración da exposición de traballos do alumnado, realizados durante o curso 2018-2019; a lectura da memoria de actividades e proxección do video resumen das mesmas realizadas no curso, presentou a directora de Ategal Padrón, María Cruz Taboada; a intervención da vicepresidenta das aulas de Ategal de Galicia, Paula Sande; a intervención do alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; e a conferencia “Botiquín de autocoidados en saúde. Gustaríache incorporar ferramentas sinxelas no teu día a día para mellorar a túa saúde?” da medica de familia, coach e experta en saúde Estefanía Zardoya.
O festival fin de curso rematou cunha gran cea no Hotel Scala de Padrón.
Talento senior en acción
Taboada valorou o curso que rematou en Padón como “moi positivo”, cun “incremento notable de todo o alumnado, en total 263 persoas, nas distintas actividades” e con novas ofertas formativas e de actividades, sinalou, no medio rural. Por exemplo nas localidades de Extramundi e Angueira, nas que houbo, dixo, “moita participación e moi bo resultado”.
A directora de Ategal Padrón salientou ademáis “o boísimo resultado”, un ano máis, do programa NeuronUp, financiado por ´la Caixa´onde “o alumnado acudía con estusiasmo a realizar as actividades individualizadas”, subliñou, “e pasando todos os nivéis ata o final de curso”.
Un alumnado, concluíu, “que con gran entusiasmo, involucrouse moito na coordinación e tamén nas clases das aulas, facilitando o labor ao equipo docente, monitores e a dirección das aulas”.