Esta mañá, ATEGAL Santiago despedía o curso cun evento de clausura celebrado no Centro Galego de Arte Contemporanea, que contou coa intervención da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e do presidente de ATEGAL, Ángel Fagilde.
Durante a xornada, púxose en valor a importancia do voluntariado a través dunha charla coloquio na que participaron voluntarios da asociación e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García. A continuación, a conselleira procedeu coa entrega de diplomas como mostra de recoñecemento ao seu labor social.
En ATEGAL, o voluntariado ten un peso moi destacado. A través do voluntariado senior, a asociación non só impulsa un estilo de vida activo entre as persoas maiores; tamén propicia a creación dun espazo propio no que poden desenvolver un labor comunitario, á vez que rompen cos prexuízos propios do idadismo.
Unha das voluntarias senior de ATEGAL, que hoxe recibía o diploma de mans de Fabiola García; é Eva Campo, profesora xubilada e profesora voluntaria de literatura nas Aulas de Santiago. Como mostra do traballo realizado en ATEGAL durante todo o curso, o seu grupo de literatura participou no acto de clausura cunha homenaxe ás cantareiras a través da Antoloxía de coplas tradicionais. Un recital onde o alumnado entoou tanto coplas populares como as súas propias creacións.
O acto tamén contou coa actuación do Coro das Aulas de Ategal Santiago. Ademais, o alumnado de pintura organiza unha exposición de fin de curso cos traballos de acuarela e óleo. A mostra pódese visitar na sede que Ategal ten na rúa Virxe da Cerca.
A actividade de Ategal
Ategal, que posúe o recoñecemento de entidade de utilidade pública, contou durante este curso con máis de 1.100 participantes nas distintas sedes: Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense e Vigo e nos centros vinculados aos concellos de Lalín, Padrón e Monterroso.
A oferta de cursos das Aulas Senior de Galicia englóbase en diferentes áreas de traballo, na procura de cubrir as necesidades e intereses dun grupo heteroxéneo de alumnado: cultural, ocupacional, de saúde e de lecer. Ademais, ao longo do ano Ategal organiza diferentes talleres, charlas e saídas culturais; completando así unha oferta que fomenta un estilo de vida activo e saudable na vellez, así como as relacións interpersoais e interxeracionais e a loita contra o idadismo.
Coa súa actividade, ATEGAL busca ofrecer unha alternativa de lecer activa para os perfís senior. Pero tamén crea un espazo no que as persoas maiores poden desenvolver os seus talentos, achegar valor á sociedade e desmontar os estereotipos asociados á idade.