Durante a tarde do luns, 26 de maio, aqueles que pasaban pola Praza de Praterías puideron gozar da música en vivo de distintas corais compostelás. O evento, organizado pola Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de persoas adultas, contou ademais coa participación das corais José Saramago e Habaneras Rocha Forte.
A través deste tipo de encontros, a asociación galega consegue darlle visibilidade á importancia de impulsar una oferta cultural e de lecer creada por e para as persoas maiores, que contan con inquedanzas e intereses heteroxéneos moitas veces invisibilizados na nosa sociedade. Así mesmo, coa colaboración entre distintas asociacións, foméntanse ás relación interpersoais; que axudan a romper estereotipos de idade e que aportan un grande enriquecemento social e persoal para todas as persoas participantes.
II Encontro Interxeracional con alumnado de La Salle
Con esta mesma finalidade, as Aulas Sénior de Santiago organizaban ao logo da mañá do 26 de maio unha xornada interxeracional que involucrou ao alumnado de Ategal e do colexio de La Salle. Cativos e cativas de 2º da ESO desprazáronse ás Aulas Sénior para participar de diferentes actividades: clases de memoria, creación de imaxes con intelixencia artificial, actividade física e pintura.
Deste xeito, achégase á rapazada a realidade de moitas persoas sénior. A través das interaccións entre ambos grupos, desmóntanse os prexuízos que existen en torno aos maiores dándose mostra do envellecemento activo que cada vez temos máis presente no contexto actual.
Tanto os alumnos de La Salle como os de Ategal finalizaron as actividades moi satisfeitos, destacando a grande aprendizaxe que obtiveron desta experiencia, que xa é o segundo ano que se organiza. “Eles poden aprender da nosa experiencia e dos nosos coñecementos pero nós tamén aprendemos con eles” comenta unha das alumnas de Ategal participantes.