A Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Persoas Adultas, ATEGAL, que conta cunha sede en Ourense, desenvolve ao longo do día de hoxe unha serie de actividades co obxectivo de promover o intercambio de experiencias de ocio e a interacción interxeracional. Faino no marco do seu programa Aulas Sénior, en colaboración coa Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, co convencemento de que esta liña de traballo é clave para loitar contra o idadismo ou discriminación por idade.
Así o considera Marisa Justo, coordinadora de ATEGAL en Ourense, co gallo da celebración na cidade das Burgas das XXII Xornadas Interxeracionais, que inclúen unha serie de actos para favorecer o encontro, o diálogo e a aprendizaxe mutua e compartida entre persoas de diferentes xeracións.
A xornada comezou esta mañá coa lectura dun manifesto na Praza Maior de Ourense, redactado polo alumnado de Educación Social. Un documento no que se puxo de manifesto que “as conexións entre as xeracións novas e maiores son de vital importancia, son o motor do progreso”. Xunto a isto, o manifesto tamén fixo fincapé en que o pasado é clave para entender o presente. “Os erros e acertos das nosas persoas maiores son a base do que somos hoxe, e por iso é fundamental escoitalas, aprender da súa sabedoría e honrar o camiño que atravesaron con tanto esforzo”.
Ademais dos integrantes de ATEGAL e do alumnado universitario, nas actividades que se desenvolverán este xoves, colaboran estudantes de diferentes ciclos do Centro Integrado de Formación Profesional Portovello. Tamén o fan membros de Down Ourense, usuarios das residencias DomusVi e da Asociación Provivienda de Ourense
Xogos de onte e de hoxe
Os avances sociais traen consigo novas formas de ocio e lecer. Por iso, unha das actividades centrais da xornada consiste no intercambio de experiencias lúdicas e de xogos compartidos para que os máis novos dean a coñecer aos maiores os xogos que marcaron a súa infancia.
Porén, no afán de axudar a preservar o legado dos xogos do pasado, esta acción terá un carácter bidireccional xa que, posteriormente, serán os integrantes da Aula Sénior de ATEGAL os que ensinen aos mozos e mozas como se entretiñan durante as décadas dos 50, 60 e 70, con xogos como o tres en raia, o pasimisí ou o vexo vexo. Ambas as actividades lévanse a cabo no Polideportivo Universitario do Campus de Ourense.